A I edición de Degusta A Coruña, o congreso gastronómico para reivindicar a excelencia da provincia. A confraría de Barallobre (Fene) e Betanzos (o antigo matadoiro e A Artesa da Moza Crecha) foron as primeiras paradas deste congreso que comezou este luns 28 de outubro e continuará mañá e pasado en Padrón, Boiro, A Coruña e Carballo
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, explicou o obxectivo de Degusta A Coruña: “poñer en valor o noso sector agroalimentario, que é o noso principal produto turístico, e ademais de falar de ‘futurismo’: o futuro do turismo e da gastronomía”
A Coruña, 28 de outubro do 2024. A Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo de Barallobre deu comezo ao primeiro evento de Degusta A Coruña, enmarcado na iniciativa ‘A provincia que sabe’, que ten como obxectivo reivindicar a excelencia da cadea agroalimentaria da provincia e que arrancou esta mañá en Barallobre (Fene).
Os asistentes ao congreso itinerante nesta primeira xornada tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man a cetaria e depuradora, un proxecto que reforza o compromiso coa calidade e sostibilidade dos produtos marisqueiros galegos, guiados polo presidente da confraría, Jorge López. Grazas á modernización das súas instalacións, a Confraría ofrece ao público unha ampla gama de mariscos coa garantía de orixe e calidade certificada baixo a marca “Mariscos de Barallobre”. Ademais, Rocío Carreiras, presidenta da agrupación Marisqueiras a Pé, amosou o labor diario do colectivo na extracción dos bivalvos.
O congreso dirixiuse ao antigo matadoiro de Betanzos onde se celebrou a mesa redonda “Os Grandes Descoñecidos: IXP Terras de Betanzos”, un coloquio que puxo en valor os viños desta indicación xeográfica protexida. Emitida tamén por streaming, a mesa contou coa intervención de José Bouzón, de Casa Beade; Luis Sande, de Pagos de Brigante; Xosé Antonio Meixide, de Adegas Bordel; e Juanjo Figueroa Treus, da Asociación Galega de Sumilleres (AGASU). Os relatores compartiron co público os segredos e as peculiaridades dos viños das Terras de Betanzos, promovendo así o coñecemento e recoñecemento desta rexión vinícola galega.
A nota gastronómica da xornada veu coa "Cociña a Oito Mans" na que participaron os chefs Luis Veira e Álvaro Gantes, do restaurante Árbore da Veira (unha Estrela Michelín) e Lolo Mosteiro e Paula Martínez da Artesa da Moza Crecha que ofreceron unha experiencia de cociña en vivo. A continuación, os asistentes gozaron dun xantar-cóctel maridado con productos de proximidade e viños da IXP Terras de Betanzos ofrecidos por Lolo Mosteiro e Paula Martínez.
Pola tarde celebrouse unha xornada online onde se falou do “Mundo da distribución e da alimentación na provincia” e na que participaron Melisa Pagliaro, de Gadisa; Marta Cid, de Grupo Cuevas e Yago Díaz, de Delikia. A mesa estivo moderada por Xosé Luis Reza, de Iuni. A continuación, na mesa redonda “Dende a provincia cara o mundo. O impulso do e-commerce” Eduardo Sanjurjo, de Kibus; e Miguel Ángel Roig, dos Biosbardos como relatores no coloquio moderados por Judit Cabana, vicepresidenta do Clúster do E-Commerce Galego. A xornada rematou coa tertulia “IXPS e asúa importancia para reivindicar uns viños únicos” na que participaron Paco Crusat, Adega Entre Os Ríos; José Bouzón, de Casa Beade e Juanjo Figueroa Treus de AGASU.