Medio Rural ensalza o cultivo de mazá ecolóxica para sidra



A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, visitou as fincas nas que se cultiva mazá para sidra da Cooperativa Maestra, no concello da Estrada.Alí, puxo de relevo o seu traballo no eido do cultivo ecolóxico certificado deste froito.A entidade atópase baixo o amparo do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e conta con 62 hectáreas de superficie nas que se producen uns 700.000 quilos de mazá certificada.

Coincidindo co Día Mundial da Muller Rural, Gómez puido coñecer a plantación de mazá de Mónica Brey, pioneira en introducir o traballo mecanizado na recollida de froito e recentemente incorporada ao agro coa axuda da Xunta. Posteriormente, coñeceu a finca de SidraríaPeroja, onde a recollida do produto se leva a cabo de xeito manual e cuxa produción conta co selo de Artesanía Alimentaria, que protexe e defende as elaboracións artesás e tradicionais que se producen en Galicia.

A conselleira do Medio Rural afirmou que a Cooperativa Maestra é un “bo exemplo” do rural galego, caracterizado pola súa amplitude e diversidade “no que a innovación e a tradición atopan un punto común” no sector primario.

María José Gómez enxalzou o papel que desenvolve esta localidade pontevedresa e referiuse a ela como unha “potencia na produción de sidra en Galicia”, que acumula máis de 100 hectáreas destinadas a este fin e que cada ano produce ao redor de 1,5 millóns de quilos de mazá para sidra. A maiores, recoñeceu a situación da Estrada como a localidade europea coa maior superficie certificada en ecolóxico.