Medio Rural potencia o uso socio recreativo dos lagos de Teixeiro



A Consellería do Medio Rural aposta por potenciar o uso socio recreativo dos terreos forestais na contorna dos lagos de Teixeiro, no termo municipal de Lugo. Con este motivo, o departamento que dirixe María José Gómez investiu xa preto de 80.000 euros en diferentes actuacións relacionadas coa xestión forestal e o aproveitamento turístico e socio-recreativo desta área. Cara ao futuro, está previsto un investimento doutros 275.000 en novas accións encamiñadas á posta en valor desta zona.

Así, estes labores, que se enmarcan na Estratexia para o fomento da xestión activa das masas de frondosas e no Plan Forestal de Galicia, consistiron en tratamentos silvícolas na carballeira de Labio e no mantemento de infraestruturas forestais, especialmente de pistas. Con todas estas intervencións afóndase na silvicultura adaptativa e sustentable das masas desta contorna.

Nos vindeiros meses está previsto seguir actuando nesta contorna, especialmente no eido da defensa fronte os incendios forestais. Deste xeito, os traballos consistirán na apertura e limpeza de cunetas e cortalumes, na creación de obras de drenaxe en pistas forestais e na mellora da capa de rodadura, todos eles no monte de Arco de Santa María e Penalba, propiedade da comunidade de montes de Teixeiro. Tamén se farán rozas mecanizadas e acometerase o acondicionamento de camiños mediante motoniveladora no monte de Labio.