O C.R.D.O. Valdeorras participa no I Salón de Medallas UEC


O Consello Regulador da D.O. Valdeorras ven de participar no primeiro “Salón de Medallas UEC”, unha iniciativa organizada pola Unión Española de Catadores que reúne, por primeira vez nun único salón, a máis dun centenar de etiquetas premiadas nos dous concursos vinícolas máis importantes de cantos se celebran en España, o Concurso Internacional Bacchus e o Concurso Nacional de Vinos Jóvenes.

O Consello Regulador acude cun total de once referencias de nove adegas amparadas pola Denominación de Orixe Valdeorras a esta iniciativa da Unión Española de Catadores que surde coa intención de poñer en valor os logros alcanzados polos productores de viño, e darlles un maior protagonismo dentro dun entorno que combina tradición e modernidade.

Un total de 26 stands, entre os que figura o da D.O. Valdeorras, forman parte do percorrido pola xeografía vinícola española. As propostas provenientes de fora das nosas fronteiras, tamén están hoxe presentes con viños de Moldavia, Uruguay e Chile, que poñen o acento internacional a esta cita.