O director de Turismo de Galicia, Xosé M. Merelles, reuniuse cunha representación do sector da hostalería para abordar o proxecto de lei que regula o imposto sobre estancias turísticas na Comunidade Autónoma de Galicia, que se avanza nos seus trámites. No encontro informouse do documento levado á Lei de Medidas dos Orzamentos para 2025 que recolle a habilitación normativa para crear a taxa turística que pide o Concello de Santiago.
Merelles destacou que o marco legal para a posta en
marcha deste imposto avanza na súa tramitación para ser debatido e enriquecido
no Parlamento de Galicia e recordou tamén que, en todo caso, é unha medida
voluntaria e será integramente xestionado, recadado e inspeccionado polos concellos
que decidan implantala.
Neste sentido, desde Turismo de Galicia informáronnos das características principais que se inclúen, como avance, na Lei de Medidas dos Orzamentos de 2025 como, entre outras, que os ingresos obtidos por este imposto estarán afectados cando menos nun 80% a investimentos e gastos vinculados á promoción, impulso, protección, fomento e desenvolvemento da hostalería e o turismo sostible, na forma que se determine na lei.
Ademais, os concellos que decidan establecer a recarga
deberán aprobar, con carácter previo, unha ordenanza fiscal en cuxo
procedemento de elaboración se xustifiquen as razóns da esixencia da recarga, e
se avalíe o impacto e eficacia.
Recordaron tamén que, tal como se fixa no documento, no
procedemento de elaboración os concellos deberán garantir a consulta,
participación e audiencia ás organizacións e asociacións representativas do
sector hostaleiro e turístico sobre os problemas que se pretenden solucionar
coa norma; a necesidade e oportunidade da súa aprobación; os obxectivos da
norma e as posibles soluciones alternativas. Na ordenanza asumiranse e
determinaranse as competencias de xestión, recadación e inspección, así como a
potestade sancionadora.