Tres días e múltiples experiencias no congreso Degusta A Coruña



O congreso de turismo gastronómico Degusta A Coruña, organizado pola área de turismo da Deputación, rematou despois de 3 días de viaxes por toda a provincia, cun itinerario que chegou a 6 concellos (Fene, Betanzos, Padrón, Boiro, A Coruña e Carballo), con 20 actividades e 35 relatores de diferentes puntos do estado e de diferentes ámbitos do sector (restauración, formación, comunicación, empresarial, distribución, produción...).

Ademais, todas as actividades emitíronse por streaming, así como outras que se celebraron unicamente via telemática polas tardes, ás que se pode acceder dende a páxina web degustacoruna.gal

Encontros na confraría de Barallobre para coñecer os seus mariscos de primeira calidade e nas pesqueiras do río Ulla para descubrir todos os detalles sobre a lamprea e a súa pesca; visitas ao antigo matadoiro de Betanzos e ao emblemático Pazo de Goiáns para falar sobre o patirmonio vinícola da provincia e o seu impacto socioeconómico e cultural; e xornadas en espazos como o Muncyt coruñés ou o Náutico de Razo, para “pisar territorio, saír dos auditorios para ver sobre o terreo porqué, por exemplo, dicimos que a pesca da lamprea é sostible, ou para descubrir os grandes viños que temos e as microhistorias que hai detrás, de legado e auténtica devoción polo traballo e o territorio”, sinalou Regueira.

A resposta por parte de relatores, asistentes e participantes foi unánime: “unha experiencia moi positiva, diferente e necesaria para coñecer de verdade a provincia e a gastronomía dende a orixe” afirmaban. Tamén agradecían á Deputación esta iniciativa, “para poñer en valor os diferentes xeodestinos, interactuar todo o sector: empresas a todos os niveis (produción, hostalería, restauración, turismo...), administracións, entidades e profesionais de outros ámbitos como a formación ou a comunicación” destacaban.

“Ese é o fin deste congreso: que todos os axentes implicados falemos, compartamos experiencias e inquedanzas, reflexionar e descubrirnos e redescubrirnos”, sinalaba o vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado responsable da área de turismo, Xosé Regueira. “A experiencia foi tan positiva e enriquecedora que xa estamos desexando a comezar na segunda edición”.