A Deputación ten reservado un espazo onde promoverá a súa marca ‘A provincia que sabe’ da man de produtores, distribuidores e cociñeiros que poñerán en valor, coas habituais degustacións e demostracións culinarias, as potencialidades gastroturísticas da provincia.
Nesta edición, baixo o lema 'Re-pensemos a restauración', o foro barcelonés reivindicará a cociña con sentido de responsabilidade social, con produtos ecolóxicos e velando pola conciliación; os mesmos argumentos que están presentes en ‘A provincia que sabe’ e na estratexia e nos obxectivos do departamento de Turismo provincial.
«O saber e o sabor son dous dos nosos principais argumentos para vender territorio, por iso somos habituais en citas desta categoría, onde a cadea e o ciclo de valor da nosa gastronomía están sempre presentes para atraer xente e buscar a calidade do produto, tendo en conta ese factor de sostibilidade que, precisamente, este ano reivindica o Gastronomic», explica o vicepresidente provincial e responsable Turismo, Xosé Regueira, antes de viaxar á capital catalá.
Este ano serán tres os xeodestinos coruñeses nos que se centrará a programación da Deputación: Ferrolterra, Terras de Santiago e Costa da Morte, representados polas empanadas artesanais de Costumes de Galicia (Carballo), as conservas de mariscos e peixes d’A Conserveira (Ribeira), os roxóns e chourizos de Chichalovers (Santiago de Compostela), o queixo de pasta dura cocida de Galmesán (Arzúa), as patacas fritidas de Bonilla a la vista (A Coruña), os mariscos de Mariscos de Barallobre (Fene) e as algas de Algas de Mar de Ardora (Ortigueira).
Os cociñeiros Dani Castro (do restaurante O Camiño do Inglés, de Ferrol), Kike Piñeiro e Eloy Cancela (A Horta do Obradoiro, de Santiago) e Víctor Basante (Arrueiro, de Laxe) serán os encargados dos ‘showcookings’.
Ademais, o martes 5, ás 17.45 horas, o divulgador e xornalista Jorge Guitián conducirá a mesa redonda ‘Amas da Terra: legado, cultura e cociña’, na que intervirán as cociñeiras Lucía Freitas e Dolores García mais Dolores Gómez, bateeira de Rianxo e presidenta da Asociación Mulleres Salgadas