A Coruña, a provincia que sabe, achega a súa oferta a Intur


Valladolid acolle desde este venres ata o domingo a vixésimo sétima edición de Intur, a Feira Internacional de Turismo de Interior, onde se promoverán máis de 1.200 destinos, nunha oferta que inclúe actividades non só enfocadas ao sector turístico, senón tamén aos da cultura e a innovación en patrimonio. Á cita volve o departamento de Turismo da Deputación, que contará cun espazo propio onde seguirá dando a coñecer a riqueza gastronómica da provincia coa súa marca ‘A provincia que sabe’.

Desta volta, os protagonistas da programación gastronómica da Deputación serán os produtos d’A Castrexa (Cambre) e de Cafés Aruba e Empanadas Ternura (A Coruña), mentres que Nair González, do Restaurante Muelle 43 (Mugardos), cociñará en vivo para todos os visitantes.

Para o vicepresidente, Xosé Regueira, a feira valisoletana é un excelente escaparate para levar ‘A provincia que sabe’. “Intur vai moito máis que de turismo interior, un concepto que hai anos só se vinculaba ao turismo rural, pero que hoxe acolle numerosas e diversas propostas, nas que caben a natureza e a gastronomía, así que está claro que nós temos moito e bo que dicir e que mostrar”.

“Ademais”, explica Regueira, “como poderán comprobar as persoas que visiten o noso ‘stand’, onde coma sempre ofreceremos todo tipo de material informativo sobre os xeodestinos do territorio coruñés, o interior da provincia ten un atractivo incuestionable, malia ser se cadra menos coñecido ca costa”. “Aí están”, engadiu, “as terras de Santiago, as da comarca de Ordes ou as do Ulla-Tambre-Mandeo”.