A Deputación da Coruña puxo en valor os sabores e saberes da provincia en Barcelona


A área de turismo da Deputación despideuse do Gastronomic Fórum Barcelona, onde estivo dende promocionando a gastronomía da provincia coa campaña turística e gastronómica ‘A provincia que sabe’. Rematan, así, tres días nos que a entidade provincial puxo marcha máis de 20 actividades entre degustacións, presentacións, showcookings e charlas para poñer en valor os produtos locais e o sector da restauración da provincia.

“A participación nesta feira enmárcase na nosa estratexia de apoio aos pequenos produtores e produtoras da provincia para promocionar a súa materia prima e favorecerlle a presenza en mercados como este, de moi alto valor para eles” explicou o vicepresidente, Xosé Regueira. “Acompáñannos nesta feira este sector da produción de alimentos, moi ancorado no territorio e o da restauración que está facendo cousas moi interesantes, moitos deles xente moza que ademais está contribuíndo a asentar poboación no rural”, engadiu.

Durante esta última xornada, os fogóns ocupounos o cociñeiro do Arrueiro, de Soesto (Laxe), Víctor Basante, acompañado da copropietaria, Luisa García Casal, que presentaron o proxecto e ofreceron un showcooking con produtos de temporada e quilómetro cero, “da lonxa de Laxe, que é moi pequena, e tamén da nosa horta”, onde reflexaron a esencia do seu menú, para o que empregan “peixes menos valorados, como a raia”. Explicaron que Arrueiro “é como unha árbore con tres ramas: o aloxamento, as experiencias e a gastronomía”, co propósito de “ir máis aló do desfrute, para acrroupar e nutrir ás persoas que nos visitan tanto fisica como emocionalmente”. Agradeceron á Deputación a “oportunidade” de participar no Gastronómic Fórum Barcelona, e invitaron ao público a “visitar a Costa da Morte durante todo o ano”

Agradecemento ao que se sumaron todos os produtores locais que participaron na cita gastronómica: Costumes Empanadas de Galicia; Queixo Galmesán; Chichalovers; Bonilla a la vista; A Conserveira; Mariscos de Barallobre e Algas Mar de Ardora. Todos eles valoraron moi positivamente a súa participación neste foro, “é unha oportunidade moi grande para nós, e levámonos contactos moi interesantes”, afirmaron.

“Estamos encantados de participar nunha edición máis do Gastronomic Fórum Barcelona, e máis vendo o éxito dos produtores e chefs que nos acompañaron que, ademais de encher de público todas as actividades que desenvolveron no noso stand, fixeron negocio e captaron oportunidades comerciais”, sinalou Regueira.