Nesta visita, a conselleira cualificou a adega Santiago Ruiz como “un dos grandes referentes do mundo do viño nas Rías Baixas”, e máis concretamente na subzona do Rosal, dentro desta Denominación de Orixe. Puxo ademais en valor os seus 40 anos de historia, que a converten nun dos sinais de identidade da DO, a través duns viños nos que a variedade albariño ten un papel protagonista, así como outras castes autóctonas.
As súas instalacións en Carregal de Arriba, no concello de Tomiño, contan cunha superficie total construída de preto de 1.700 m2. Dispón así mesmo de viñedos propios e de terreos alugados para producir uva. A comercialización do viño faise baixo a marca Santiago Ruiz principalmente, o que supón máis de 600.000 botellas anuais.
Por outra baanda, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, adscrita á Consellería do Medio Rural, participa nun proxecto de innovación de multiplicación de oliveira autóctona a gran escala que ten como obxectivo dar resposta a demanda crecente de planta certificada neste ámbito. A iniciativa está impulsada por un Grupo Operativo de Innovación do que forman parte, ademais da devandita Axencia, a Fundación Juana de Vega, o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e as empresas Ouro de Quiroga e Olivar de la Concordia.