Os produtos galegos de calidade diferenciada serán os protagonistas esta fin de semana en Segovia, da man da Consellería do Medio Rural. A titular do departamento, María José Gómez, participou este mediodía na inauguración do Mercado de Experiencias de Calidade de Galicia que abriu as súas portas na Praza Maior desta cidade castelá.
Gómez salientou a “excelencia” da despensa galega e subliñou que se consolida, día a día, como unha das mellores embaixadoras da nosa comunidade tanto no ámbito nacional como internacional. Reafirmou, así mesmo, o apoio da Consellería aos produtores galegos e, en xeral, a todo o sector alimentario, mediante accións de promoción como esta e a través da cooperación cos axentes sectoriais, nomeadamente cos consellos reguladores.
Neste caso, trátase dunha promoción organizada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, adscrita a Medio Rural, para divulgar a excelencia da despensa agroalimentaria da nosa comunidade. Así, entre hoxe e o domingo haberá diferentes actividades, tales como catas comentadas, degustacións, demostracións culinarias ou sorteos de produtos galegos de calidade diferenciada.
Esta promoción inclue degustación de produtos ecolóxicos galegos, a cargo dos chefs Martín Mantilla e Hector López; os sumilleres Nacho Costoya e Paco López, e a enóloga Sonia Otero.
Estes días farase promoción dos produtos agroalimentarios galegos en diferentes restaurantes da cidade, a través de sesións culinarias organizadas en colaboración coa cociña local. Así, algúns dos locais máis prestixiosos de Segovia -tales como Magullo, Villena ou El Cordero- acollerán experiencias conxuntas nas que se porán en valor producións como as ecolóxicas da nosa comunidade, Ternera Gallega, castañas, Pan Galego/Pan de Cea, viños, augardentes e licores, todos eles combinados con preparacións propias da cociña castelá.
Todas estas actividades de promoción están enmarcadas no XV Outono enolóxico que se celebra en Segovia ao longo de case todo o mes de novembro, dende o día 7 ata o día 28. O evento, promovido pola Fundación Caja Rural, congregará máis de 2.300 asistentes, 110 catas en 22 días, festivais de música e viño, fusión gastronómicas, visitas a adegas e maridaxes artísticos. O papel protagonista nesta fin de semana corresponde a Galicia.