A Consellería do Medio Rural ven de aprobar a modificación dos pregos de condicións da Denominación de Orixe (DO) Valdeorras, solicitada polo seu consello regulador, contemplando, entre outras cuestións, a posibilidade de elaborar viños rosados ao amparo desta denominación, xunto aos brancos e aos tintos que se veñen producindo desde sempre.
Contémplase tamén a posibilidade de elaborar spumosos tintos e rosados a partir das diferentes uvas tintas que están autorizadas na elaboración dos viños da denominación de orixe, cando ata o de agora só podían ser de uvas brancas da variedade Godello. A xustificación está na necesidade de abrir o abano de produtos a amparar pola denominación de orixe e aproveitar mellor as oportunidades que ofrece o mercado.
Outra das modificacións está relacionada cos viños tostados, nos que se reduce a 30 días o tempo mínimo para o pasificado baixo cuberta das uvas, fronte aos actuais 90 días, así como a súa gradación alcohólica mínima, que pasaría dos actuais 13 graos a 11.