Regueira adiantou que Fitur “marcará un fito moi importante, pois alí lanzaremos a nosa nova campaña de turismo que pon o foco na gastronomía e no territorio”. Neste sentido, sinalou que está “perfectamente aliñada coa nosa estratexia de turismo sostible, que promove a preservación do medio e a mellora socioeconómica da contorna poñendo o foco na gastronomía e nos produtos locais como impulsores deste turismo de calidade”. Apuntou. “Seguimos apostando polo sector agroalimentario como a nosa mellor marca turística e, por suposto, promocionando o noso territorio e as nosas paisaxes co máximo respecto e orgullo”. Ademais, sinalou que se trata dunha campaña “innovadora e inesperada, que non deixará indiferente a ninguén”.
Outro dos proxectos protagonistas en Fitur será a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, “a maior de Galicia en canto a extensión e unha das máis extensas da península” explicou Leira, que será presentada aos diferentes axentes que compoñen o ecosistema do sector turístico a través do programa “Deportistas na Vía”, no que deportistas coruñeses de elite, como Iván Raña, actuarán como embaixadores para atraer a novos públicos interesados no turismo activo e o deporte. Ademais, o presidente da Asociación de Concellos da Vía Verde, Alexander Doval, será o encargado de poñer en valor o destino como un novo atractivo que potenciará a dinamización socioeconómica nos concellos polos que transcorre a vía e as súas contornas.
Deste xeito, o mércores 22 ás 14h, a Deputación da Coruña presentará en Fitur dúas das súas propostas máis relevantes no eido da promoción turística, que forman parte dunha mesma estratexia de sustentabilidade económica, social e medioambiental, “que pasa pola absoluta defensa do medio e a súa preservación e que, ao mesmo tempo, promove un impacto positivo para a poboación local, xerando oportunidades de emprego, contribuíndo á fixación de poboación no rural, etc.”.