A Indicación Xeográfica Protexida T rematou o ano 2024 cun aumento do 5 % no volume de carne comercializada respecto ao ano anterior, alcanzando as 24.167 toneladas; o que supón, ademais, a cifra máis alta na historia do selo de calidade. Tamén logrou un dato histórico en canto ao número de canais certificados, que se incrementou un 3,7 %, ata as 104.655.
Nun contexto de escaseza de produto dispoñible a nivel de toda España, Ternera Gallega logrou estes incrementos en canais certificados e toneladas de carne comercializada pola aposta dos consumidores pola carne con selo de calidade diferenciada. Así mesmo, tamén dá froitos o esforzo constante do Consello Regulador pola divulgación e promoción da carne amparada pola IXP.
No ámbito gandeiro, estase producindo un estancamento á baixa do número de explotacións de vacún de carne. Durante o ano 2024, a IXP rexistrou unha baixada do 4 % no número de tenreiros identificados, que sumaron 131.135 en total, case 5.000 animais menos.
Nas explotacións tradicionais con vacas nais produtoras de Ternera Gallega Suprema, esta baixada está relacionada coa situación sanitaria nas ganderías, derivada das enfermidades EHE e Lingua azul, tanto polos períodos de vacinación como pola súa afección sobre a xestación das vacas. No caso da categoría comercial Ternera Gallega, o descenso explícase pola escaseza de animais cruzados aptos para cebar de razas admitidas pola IXP.