A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) rozou o título de Mellor Tapa/Pincho de España na gran final do III Campionato Oficial Hostelería de España-Tapas e Pinchos, que organizou Hostelería de España no marco do Congreso Internacional de Gastronomía Madrid Fusión. O cociñeiro José Luis Pardo, acompañado pola súa axudanta Auriana Macías, acadou a segunda posición coa proposta Petisco Larpeiro, un tartar de vieira con crema de aguacate, espuma de xamón de Porco Celta e tomate semiseco sobre New York roll.
O primeiro premio recaeu en Jesús Iván Anaya, grazas á súa innovadora creación “Perdiz, millo e escabeche”, representando á Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Cidade Real, e o terceiro posto foi para Javier García, coa súa tapa “Manda Webos”, representando á Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Albacete.
Á fase final do campionato pasaron seis concursantes, en representación da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), a Asociación Hostalería e Turismo Cidade Real, Restauración Mallorca CAEB, a Asociación de Empresarios de Hostalería de Salamanca, a Asociación de Hostalería e Turismo de Albacete e a Asociación de Empresarios de Restaurantes de Zaragoza y Provincia (Horeca).